Adíase diante do mal tempo a II Feira do Monte ata o 29

Monte
M.M.
Anterior edición da Feira do Monte celebrada no campo da festa de Trasmonte. Foto: CDA

A Maía. O Concello de Ames anuncia o cambio de data da Feira do Monte Tanto monte, monte tanto, prevista para este sábado 22 de outubro. Debido ás inclemencias meteorolóxicas anunciadas, a Concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente decidiu adiar o evento ao próximo sábado 29 de outubro. O foro celebrarase no campo da festa da parroquia de Trasmonte co obxectivo de recuperar os oficios ligados ao rural e os seus bosques.

Este ano, a Feira do Monte cumpre a súa segunda edición na parroquia de Trasmonte, nunha aposta do Concello de Ames por este medio natural e pola necesidade de recuperar as actividades da zona rural. A iniciativa busca valorizar e difundir a importancia social, ambiental, cultural e económica do monte galego. O programa comezará ás 11.30 horas, e vai incluír o dobre de expositores respecto da anterior edición o que permite organizar un evento de maiores dimensións. Contarase con 12 mostras distintas, que recuperan vellas ocupacións do monte.

Entre os expositores, destacan sectores como a cosmética, apicultura (con colmeas e asesoramento de expertos), cestería, cereais, medicina natural, aceites, porcos celtas e cogomelos. M. Manteiga