Adxudicada a renovación e limpeza dun quilómetro de estradas para Tarrío

Mejora de infraestructuras
M. Outeiro
Un dos viais a mellorar no entorno de Tarrío. Foto: CDA

A Maía. O núcleo de Tarrío, na parroquia de Bugallido, súmase ás recentes melloras nas infraestruturas do rural aprobadas polo Concello de Ames, e contará cunhas vías de acceso totalmenmte renovadas e acondicionadas.

Foi a xunta de goberno local a que aprobou a adxudicación deste proxecto o pasado venres, a favor da empresa Vías e Servizos Compostela SL, por un importe de 62.682,31 euros, co ive incluído. A actuación inclúe melloras ao longo de máis dun quilómetro de viario, repartidas en dous treitos de 350 e 710 metros, con anchuras de 4,30 e 5 metros, respectivamente. Nestes dous tramos de aglomerado repararanse as fochancas con grava e tratamento asfáltico, para despois aplicar unha nova capa de asfalto en quente. Ademais, ao longo destes 1.060 metros limparanse as marxes do viario.

Como detalle, no treito de 710 metros, que discorre entre beirarrúas, levarase a cabo un fresado en varias zonas puntuais, co fin de respectar a rasante actual de accesos e bordos. As actuacións pecharanse finalmente coa sinalización horizontal e vertical da vía. A adxudicación desta obra acompaña a outras melloras en infraestruturas similares no rural, como as de Punxeiras, en Ortoño, adxudicadas por 169.279 euros. M. Outeiro