Afirman que a Xunta iniciou a caducidade de minas xalleiras

Minería
ECG
Entorno do antigo poboado mineiro en Varilongo, Santa Comba. Foto: Gallego

Xallas. Ecoloxistas en Acción afirma que, despois das solicitudes cursadas xunto a outras entidades, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais “vén de iniciar o procedemento para declarar a caducidade das 15 concesións que conforman o Grupo Mineiro Santa Comba”, a maioría outorgadas durante a Segunda Guerra Mundial “para permitir a explotación de volframio por unha empresa controlada pola Alemaña nazi”.

Os ecoloxistas lembran que a explotación da mina paralizouse en 1986, e aínda que entre 1986 e 1988 se formalizaron autorizacións de suspensión temporal de labores, “a actividade nunca se reiniciou”. Igualmente fanse eco de “varios accidentes graves polos numerosos pozos e chemineas”; de que en 2007 a entón concesionaria “presentou un plan de peche e abandono, cun orzamento de 874.000 €, pero que a Xunta nunca chegou a aprobar, mantendo vivas as concesións ilegalmente”; e que en 2011 mesmo se aprobou un novo proxecto de explotación subterránea.

Tamén entenden que abrangue a área do proxecto de EuroBattery Minerals. ECG