Alumnos locais, de Negreira e Brión uniranse nun concerto

Escolas de música
M. Outeiro
Alumnos da Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA, nun concerto. Foto: EMMA

A Maía. Como parte da programación do mes das letras, o venres 20 de maio a Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA, organiza un encontro coas escolas de música de Negreira e Brión na praza de Chavián, en Bertamiráns, a partir das 19.30 horas. Trátase do primeiro dos dous foros líricos que se celebran en maio, xa que o sábado 21 terá lugar tamén en Bertamiráns, na casa da cultura, un concerto-encontro das agrupacións de música e baile tradicional locais.

É a primeira vez que a EMMA organiza un encontro deste tipo, “unha oportunidade para compartir a paixón pola música nun espazo de convivencia entre alumnado, profesorado e familias de concellos veciños”, destacou a directora da escola municipal, Pilar Martínez.

Participarán diferentes agrupacións musicais, formadas por alumnado que comparte franxa de idade ou instrumentos. Deste xeito, as persoas que representarán á EMMA serán o combo de maiores, o combo xuvenil e a agrupación de violíns. Pola súa banda, das escolas municipais invitadas participarán catro agrupacións de Brión e a Banda infantil de Negreira, que está formada por vinte alumnos do seu centro para a formación. M. Outeiro