Ames acolle un obradoiro educativo sobre a violencia de xénero para o alumnado dos institutos

Celebrarase mañá e o venres 27 de novembro nas aulas dos centros de Bertamiráns e Milladoiro // Tratarase a problemática que se pode desencadear fronte ás redes sociais
Violencia de xénero
Redacción WEB
Sinal en contra da violencia de xénero instalada no IES de Milladoiro.

Ames. Continúan en Ames as conmemoracións do 25N. A mocidade de 14 e 16 anos dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro, poderán acudir ao taller “A violencia de xénero a través das pantallas”, impartido por unha psicóloga o xoves 26 e o venres 27 de novembro nas aulas dos centros educativos.

Trátase dunha iniciativa coa que se pretende que dito alumnado sexa consciente dalgunhas das conductas vencelladas á violencia de xénero que se produce nas distintas redes sociais desde un enfoque dinámico e próximo.

No obradoiro trataranse temas de relevante importancia e actualidade, como o acoso por mensaxería, os insultos desde o anonimato, a violencia verbal... dedicando tamén un espazo para falar dos cánones de beleza e comportamento que nos inculcan redes como Instagram ou TikTok. Todo iso, enlazarase co impacto que pode sufrir a saúde mental en idades temperás.

Este taller está dirixido a un público xuvenil xa que se debe lembrar que os e as dolescentes son unha poboación altamente vulnerable a sufrir todo tipo de agresións na rede e, entre estas, a violencia de xénero.

A actividade realizarase, en ambos centros, en horario de mañá. Serán un total de seis sesións, dúas por aula, que terán unha duración de 50 minutos. Acollerase a 75 persoas distribuídas en tres aulas dos centros educativos, de 25 persoas cada unha.