Ames aprobou o expediente de licitación do SAF e adxudicou os tres lotes para o servizo de limpeza

Servizo de Axuda no Fogar
C.E.
Fachada do consistorio de Ames.

AMES. A Corporación municipal aprobou por unanimidade en xunta de goberno local o expediente de contratación do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Ames (modalidade de SAF libre concorrencia e SAF dependencia). A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, explicou que “o Servizo de Axuda no Fogar non é un servizo máis, senón que é un dereito”. Destacou o incremento no número de horas e que por primeira vez poderase absorber practicamente toda a lista de agarda. Tamén salientou que por primeira vez se prestará o servizo ao grupo 2 de dependencia e posiblemente tamén ao 1. O novo contrato recollerá un considerable aumento de horas e o incremento do custe prezo/hora, chegando aos 19,67 euros/hora normal e aos 23,32 euros/hora en festivos. Terá unha duración inicial de dous anos que irá de febreiro de 2023 a xaneiro de 2025. O orzamento base de contratación ascende a 3.008.652 euros (IVE incluído). Tendo en conta as prórrogas e as posibles modificacións contractuais do 20 % o contrato pode chegar aos 8.051.000 euros. A concelleira de Benestar Social tamén destacou a incorporación das demandas das profesionais do servizo, para mellorar as condicións laborais, xa que se trata dun sector

precarizado e feminizado. Tamén se deu luz verde á adxudicación dos tres lotes do contrato de limpeza de instalacións municipais e centros educativos do concello. O primeiro foi adxudicado á empresa Limpezas Germania, por un importe de 802.563,24 euros, para prestar o servizo de limpeza nos centros de Educación Infantil e Primaria, así como nas escolas unitarias. O segundo lote, que inclúe o servizo de limpeza nas escolas infantís, adxudicouse a Limpezas Compostela por un importe de 238.474,11 €. O terceiro lote (servizo de limpeza nas instalacións de uso municipal) foi adxudicado á empresa Limpezas Germania por 546.368,01 euros. C.E.