Ames e Santa Comba ‘venden’ a través de spots a súa industria

Será a TVG quen divulgue o anuncio xalleiro en novembro // O comercio centra o amesán
Comercio
O.D. Vilar

Os concellos de Santa Comba e Ames están a botar man do audiovisual para promocionar os seus municipios, a través de spots que lle dan pulos ao seu texido empresarial.

Así, no caso da capital do Xallas, dende esta semana e durante todo o mes de novembro, a TVG emitirá en horarios de desconexión territorial Santiago e A Coruña unha serie de spots que recollen en síntese o valor global do concello e a boa industria e comercio do mesmo. O alcalde apunta que “neste novo período, onde hai moita xente, familias e negocios afectados economicamente polas causas da pandemia, é máis necesario que nunca revalorizar o noso, promocionar o conxunto do concello e por suposto a altísima calidade de todo o que se ofrece a nivel comercial”. Do mesmo xeito, suliña que “somos un concello con moita potencialidade, que debemos recuperar o espírito de orgullo xalleiro, e dende o concello estamos a disposición para colaborar nas iniciativas que incentiven o seu medre a súa valorización e a súa economía buscando un porvir mellor” á veciñanza da capital xalleira.

E no de Ames, a concellaría de Promoción Económica de Ames estivo traballando coa empresa Xurdir na elaboración dun vídeo promocional do comercio amesán baixo o lema En Ames témolo todo. Trátase dun spot publicitario no que se reflicte a variedade existente no comercio local, onde se pode atopar dende florarías a tendas de artesanía e decoración, pasando por tendas de alimentación, moda, deportes ou agasallos.

VANTAXES. Deste xeito, ponse en valor a potencialidade que ten o sector comercial de Ames e as súas afoutezas respecto a outros centros comerciais pechados de grandes dimensións e ao comercio doutras localidades. O vídeo promocional foi presentado hai uns días no acto de presentación do Plan Reactiva Ames, por 7.071.620 euros.

E, precisamente, unha das medidas incluídas no Plan de reactivación económica e social é a elaboración dese audiovisual para promocionar o comercio, coa mira posta en que os veciños merquen nos establecementos comerciais deste concello maián.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “a través do spot En Ames témolo todo queremos destacar aqueles aspectos que diferencian ao comercio e ao sector hostaleiro de Ames doutros da contorna. Ponse en valor a potencialidade que ten o sector comercial de Ames e as súas vantaxes respecto a outros centros comerciais e comercios doutras localidades. Podemos dicir que o comercio de Ames é seguro, de calidade, variado, moderno, aberto, accesible e para conciliar”.