Ames honra ás mulleres co roteiro circular 8-M

É unha ruta de 8 quilómetros polas zonas verdes que sairá e chegará ao Pazo da Peregrina
Día da Muller
María Rendueles
As participantes na presentación da ruta circular coa que Ames celebra o 8-M. Foto: C. A-

Ames presentou onte no Pazo de Peregrina a ruta urbana 8-M, un roteiro circular polas zonas verdes de Bertamiráns no que se instalaron monólitos dedicados a mulleres relevantes, entre elas a escritora e veciña de Ames Filomena Fraga. A actividade constitúe a acción principal de Ames en igualdade, a campaña coa que o Concello conmemora este ano o oito de marzo.

Ademais, o propio Día da Muller, ás 18.30 horas, cos espazos marcados e mantendo todas as medidas de seguridade que impón a loita contra a pandemia, celebrarase o acto central do 8-M na Praza do Concello. Como adoita acontecer todos os anos, lerase o manifesto institucional.

Na presentación da iniciativa participaron a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Luísa Feijóo; a técnica de Promoción da Saúde, Rosana Martínez; Mónica Antelo e Soraya Añón, representantes do CIM; Mónica Fernández de Terteres, deseñadora do proxecto; e Cinthia Gómez, de Estampa2, que se encargou da execución.

A ruta 8-M constitúe un roteiro circular polas zonas verdes de Bertamiráns con saída e chegada ao Pazo da Peregrina. Ten unha versión curta duns cinco quilómetros e outra longa que se estende ata oito quilómetros. En cada unha das zonas verdes polas que discorre está instalado un monólito dedicado a unha muller coñecida polas súas accións a prol da igualdade.

As anarquistas e represaliadas Coralia e Maruxa; a impulsora do sufraxio feminino Clara Campoamor; a escritora e pioneira do feminismo en España, Concepción Arenal; as irmás Elisa e Jimena Fernández de la Vega, primeiras médicas licenciadas na USC; a escritora Emilia Pardo Bazán; Marcela e Elisa, as primeiras mulleres que casaron en España; a guerrilleira María Araujo; María Purificación Gómez, a única muller alcaldesa da II Republica; a pintora Maruja Mallo; e Rosalía de Castro, a voz máis universal das nosas letras, xunto coa escritora amesá Filomena Fraga, son as 11 mulleres que destaca este roteiro.

Para Luísa Feijóo este roteiro compón un amplo abano de mulleres representativas da loita pola igualdade: “A idea era colocar uns monólitos que perdurasen no tempo e que servisen para reivindicar que o 8-M debe estar presente nas nosas vidas durante os 365 días do ano”, sinala.

Feijóo anunciou ademais que a idea era ir ampliando a ruta e mesmo que servise para enlazar os dous núcleos máis importantes do concello: Bertamiráns e Milladoiro.

Pola súa banda, Rosana Martínez desvelou que a idea do roteiro partiu das rutas saudables que decotío fai o seu departamento a través do programa Ames Saudable.

“Trazamos os percorridos combinando varias das rutas que facemos moitos xoves partindo do centro de saúde; buscamos ademais que os emprazamentos dos monólitos fosen lugares nos que as mulleres cando saímos a camiñar soas, especialmente pola noite, nos atopáramos seguras e tratamos ademais de que nos emprazamentos non houbese barreiras”. Martínez engadiu tamén que se fixeron dúas rutas “porque moitas mulleres de Ames están afeitas a camiñar”.