Ames non cobrará no 1º trimestre de 2021 o uso da vía como terraza

Lembran que acaban de aprobar o Plan Reactiva para axudar ao sector empresarial
Terrazas
El Correo Gallego
Unha das terrazas de Ames

Ames. O Concello de Ames non cobrará as taxas de utilización da vía pública con mesas e cadeiras durante o primeiro semestre de 2021. O goberno municipal acaba de facer público este novo compromiso que afectará directamente ao sector hostaleiro e a algúns comercios do municipio.

O Concello engade esta axuda á derogación da ordenanza fiscal de instalación de postos no mercado de rúa para 2021 e a condonación de ambas taxas do ano 2020. Dende o executivo local explican que “a situación da hostalería, lonxe de recuperarse nesta nova etapa, acaba de sufrir un novo golpe coas restricións de mobilidade que están a causar grandes perdas e o peche de establecementos”, e é por iso que buscan aportar “o seu gran de area”, pois son conscientes de que o sector dá emprego “a máis de 130 persoas” na vila.

Desde o goberno recordan que suplementariamente a esta medida aprobaron recentemente o Plan Reactiva Ames co obxectivo de axudar fiscalmente e con axudas directas ao sector empresarial, autónomos e comercios. O Plan conta cunha dotación de 7 millóns de €, dos que máis de 1,5 son para axudas a alugueiros, gastos de servizo, e adquisición ou modernización dos establecementos. A.P.