Animan a achegarse ao proceso de acollemento de menores con Acougo

protección de menores
M. Outeiro
Natalia Gómez, esqda., Luísa Feijóo e Carme Dourado. F: C.

A Maía. Acougo, a Asociación Galega de Familias de Acollida, pon en marcha esta fin de semana un segundo encontro entre persoas da comunidade do acollemento, co fin de compartir dúbidas, experiencias ou preocupacións. Será o sábado día 26, ás 17.30 horas, no antigo centro de saúde do Milladoiro.

Trátase dunha xuntanza entre familias acolledoras ou ben das que están en proceso de idoneidade, pero tamén educadores dos centros residenciais e persoas con inquedanzas sobre este xeito de acollida. O obxectivo é resolver dúbidas e compartir preocupacións e experiencias, para así reforzar a comunidade do acollemento e fortalecer esta rede colaboradora.

En Galicia hai na actualidade máis dun milleiro de menores acollidos temporalmente en centros residenciais, mentres as súas propias familias non poden facerse cargo deles. O acollemento familiar busca aportar unha solución a este problema, aportando un recurso temporal, e sempre revocable, coa finalidade de que os e as menores poidan gozar dunha vida familiar alonxada das necesidades ou dos problemas.

Este é o segundo encontro de Acougo levado a cabo no Milladoiro dende comezos de ano, despois de que o programa Xuntanzas en familia comezara no núcleo amesán o pasado sábado 19 de febreiro. Para participar nesta xuntanza débese contactar con Acougo a través do número de teléfono 622 672 188 ou do enderezo electrónico info@acougo.gal. M. Outeiro