Apego levará a Ames música e contos para os cativos de forma virtual

A sesión de Bea Campos está dirixida a familias con nenos de ata tres anos de idade
Música
El Correo Gallego
Cartel de ‘Contos do chupete’

Ames. O programa Apego levará ás casas música, xogos, arrolos e contos a través da sesión virtual de Contos do chupete. Bea Campos, da compañía Migallas Teatro, será a encargada de conducir esta sesión dirixida a familas con nenos de ata tres anos. O prazo de inscrición está aberto ata mañá e as familias interesadas en participar deberán enviar un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal .

O programa Apego vai continuar realizando parte das súas propostas durante este outono, aínda que dun xeito diferente. Sempre que a actividade o permita, pasarase a formato virtual para que as familias poidan seguir participando nas iniciativas desde as casas e gozando de recursos que enriquezan a crianza e faciliten a transmisión da lingua.

Apego vai dirixido a todas as familias do municipio amesán que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade inferior a 6 anos. É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover e apoiar o uso do galego na socialización da primeira infancia que apoia as familias con actividades, formación e recursos para facilitar e mellorar a crianza.

O goberno local informa que todos os interesados poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames, enviando o formulario cuberto a través da páxina apego.gal, escribindo a normalizacion@concellodeames.gal ou ben chamando ao teléfono 662 377 215. A.P.