Apoio total á licitación do servizo de limpeza amesán

Pleno Concello
M. Manteiga
Votación unánime no pleno ordinario do mes de febreiro celebrado en Ames. Foto: CDA

Maía. A sesión ordinaria do pleno amesán aprobou por unanimidade o expediente de licitación do servizo de limpeza integral nas instalacións municipais e nos centros educativos do municipio. E por maioría absoluta saíu adiante a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre o incremento de valor dos terreos urbanos, despois da sentenza do Tribunal Constitucional que incidiu no cobro das plusvalías locais.

Respecto do citado contrato, estará divido en tres lotes: servizo de limpeza nos centros de Educación Infantil e Primaria e escolas unitarias; servizo de limpeza de escolas infantís; e servizo de limpeza de instalacións de uso municipal. O orzamento base de licitación elévase a 2.049.999 € (con IVE incluído) por tres anos. Tamén se deu conta de que, ao longo do ano 2021, presentáronse un total de trescentos catro escritos, dos cales 237 consideráronse válidos (152 queixas, 78 suxestións e 7 reclamacións). m. Manteiga