Aproban o expediente de licitación para a nova zona verde de Milladoiro

Obras públicas
ARCA
Plano das rutas ambientais do Milladoiro. Foto: C. A.

AMES. A xunta de goberno local aprobou o 10 de febreiro o expediente de licitación, mediante procedemento aberto simplificado do contrato de obras para a xeración de percorridos ambientais de gran valor paisaxístico no Milladoiro, que estará cofinanciado polo Feder no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. O importe base de licitación ascende a 151.338,83 euros. Deste xeito, vanse crear dúas novas sendas peonís para pasear e facer deporte no monte que se atopa na contorna das rúas do Rego e da Costa Grande, e por debaixo do viaduto da AP-9. Tamén se vai mellorar o parque canino situado nesa zona e crearán un nova área deportiva cun circuíto biosaludable. O Concello está inmerso no desenvolvemento do Plan Impulsa Ames, que se enmarca dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (Edusi). Un dos proxectos que se integran neste plan é a creación da nova área ambiental na zona sur do Milladoiro, que executarase na zona boscosa que está próxima á rúa do Rego e da Costa Grande. O alcalde, Blas García, explica que “deste xeito trátase de adaptar e mellorar os espazos verdes que xa existen no Milladoiro, para que poidan ser utilizados pola veciñanza desta localidade”. arca