Arde un automóbil sen feridos nunha pista en desuso da Baña

Suceso
O. D. Vilar
Quilómetro nove da AC-546 na parroquia bañesa de Corneira, preto de onde ardeu o coche. Foto: MG

Os Bombeiros de Xallas Barcala acudiron a sofocar as lapas dun coche ardendo na madrugada deste domingo no Concello da Baña, na estrada AC-546 á altura de Corneira e sen que se rexistrasen feridos.

Segundo o seu testemuño, despois de recibir a chamada pasadas as 04.30 horas, desprazáronse ata o quilómetro 9 desa vía. Alí “observamos que nunha estrada secundaria en desuso e sen entorpecer a circulación, un turismo estaba xa calcinado por completo. Sen mais procedemos a extinguir as lapas e revisar as inmediacións, sen encontrar a ninguén nin ningunha causa do incendio”.

E non foi o único suceso desa noite na comarca barcalesa, xa que cando menos un veciño de Negreira sufriu destrozos nas rodas do seu vehículo na entrada ao seu Concello pola AC-544, á altura da rotonda da variante, despois de que alguen deixara botellas rotas. En concreto, retiráronse tres pés de vidro emprazados cas aristas cara arriba presuntamente pra provocar danos.