Arrancan as obras no parque verde central da meirande urbe amesá

Están incluídas no Plan Impulsa de Edusi e foron adxudicadas por un valor de 130.706 €
Medio Ambiente
Claudina Estévez
A través destos traballos acondicinaranse os accesos ao parque

Ames. Arrancan as obras de acondicionamento do novo parque verde central do Milladoiro, incluído no Plan Impulsa Ames de Edusi. A través deste proxecto, que foi adxudicado á empresa CYS Hispania S.L. por un importe de 130.706 euros, preténdese acondicionar as zonas verdes do Milladoiro que están xunto á zona das instalacións deportivas (pavillón, pistas deportivas, piscina descuberta, etc.), á casa da cultura e ó instituto. O obxectivo, segundo explican dende o goberno local, é gañar unha zona de esparexemento e paseo na parte alta do núcleo urbano con zonas de descanso, camiños e diversas áreas de xogo.

A través desta actuación crearanse quilómetros de novas sendas peonís; acondicionaranse os accesos ao parque segundo a normativa de accesibilidade; instalarase un novo sistema de alumeado Led, mesas de tenis e novo mobiliario urbano, así como un novo sistema de drenaxe e rego automático. Tamén se plantará nova vexetación.

Ademais, acondicionarase e ordenarase o espazo verde da zona alta do Milladoiro, que está conectado coa Travesía do Porto. C. E.