Arrancan as propostas dos grupos de música e baile tradicional da vila

O goberno municipal, un ano máis, colabora co tecido asociativo cultural da localidade
Cultura
Claudina Estévez
Cartel da Asociación Cultural Retranqueiros. Foto: C.A.

Ames. O Concello de Ames continúa un ano máis a colaboración co tecido asociativo cultural local, apoiando ás diferentes asociacións de baile e música tradicional. Neste senso, dende o mes de marzo, Cultura programou un total de 30 actuacións de grupos tradicionais nas festas locais de Ames, a través do programa Música nas parroquias, polo que pasaron as agrupacións As Maianas, Airiños do Paseo de Colón, Os Castros, Retranqueiros e A Requinta da Maía, e as corais Lojo Batalla e Antonio Santomil.

No que respecta ás actividades nas que colabora a concellería de Cultura, a Asociación Cultural Retranqueiros comezou o pasado día un de outubro unha serie de clases e obradoiros para todos os públicos a partir dos tres anos de idade, que incluirán ao longo do curso baile tradicional, pandeireta, gaita e percusión ou acordeón, e que se desenvolverán nas instalacións da casa da cultura do Milladoiro.

De xeito similar, a Asociación Cultural Follas Novas contará con cursos de pandeireta para adultos, acordeón cromático e diatónico, gaita e percusión, violino e baile tradicional para adultos. O de pandeireta comezou este mércores e o resto farano este venres. Asemade, a Asociación Cultural Os Castros ofrece cursos de baile tradicional, gaita e percusión, que comezarán este sábado. c. e.