As Maianas levan o mellor folclore amesán este venres ata a praza Murguía

folclore
M. Outeiro
Integrantes das Maianas, que actúan o venres. Foto: Maianas

Ames. O grupo de música tradicional As Maianas será o próximo protagonista da programación do AmesON de verán da concellaría de Promoción Económica. Actúan este venres 19, ás 21.00 horas, na praza Manuel Murguía do Milladoiro. E ollo, que a seguinte gala, a do 26 de agosto, traerá a Pili Pampín nun programa que remata en setembro coa orquestra Panorama.

Deste xeito, e despois da actuación de Los Jinetes del Trópico e Tinta a semana pasada, AmesON de verán trae ás pandeireteiras que toman o seu nome da comarca, As Maianas, un expoñente da mellor música tradicional. Trátase do penúltimo concerto do mes de agosto dunha iniciativa que conta con trece propostas para todos os públicos e con diversidade de xéneros musicais, previstas entre xuño a setembro.

As Maianas son un grupo de cantareiras que naceu nun obradoiro de música tradicional do Concello de Ames. Comezaron a súa andaina en 2007 coa gravación do seu primeiro traballo onde destacan temas de composición propia. As súas voces están acompañadas por instrumentos tradicionais de percusión como pandeiretas, pandeiras, pandeiros ou carrizos, así como outros instrumentos como cunchas ou cuncas. A percusión corporal, o son do clarinete, da frauta tenor e da guitarra española dan un toque maiano aos arranxos das súas pezas.

O programa inclúe tamén este mes a actuación de Pili Pampín (26 de agosto, na capital municipal). M. Outeiro.