As prazas amesás vístense de orgullo LGBTIQ+

LGBTIQ+
M. Outeiro
Franxas ca bandeira do orgullo na praza do Chavián. Foto: CA

A Maía. As principais prazas do Concello de Ames comezaron a lucir dende este luns a bandeira do arco da vella con motivo da celebración do Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+ deste martes, 28 de xuño. A homenaxe multicolor irá acompañada na efeméride dun reparto de bandeirolas e pulseiras conmemorativas, co fin de que as rúas amesás mostren o seu pulo pola igualdade e contra a discriminación.

E, do mesmo xeito, dende o departamento de Benestar Social que dirixe a socialista Luísa Feijóo anímase á veciñanza a fotografarse coas diferentes bandeiras reivindicativas e a compartir os retratos nas redes sociais co cancelo #AmesEnIgualdade.

Así, e co gallo da conmemoración do Día do Orgullo, as árbores dalgunhas das prazas e lugares máis frecuentados do Concello terán colgadas durante estas xornadas a bandeira do arco da vella. Neste senso, os lugares escollidos foron as prazas de Chavián, do Concello e da Maía, en Bertamiráns, e o Paseo da Igualdade e a rúa Anxeriz, no Milladoiro. Dende a administración local e a Concellaría de Benestar Social e Igualdade, anímase á veciñanza a que se fotografe nestas localizacións ou en calquera outro lugar, compartindo os retratos mostrando as cores do Orgullo nas redes para visibilizar e normalizar a realidade.

Segundo Feijóo, a partir do martes “deixaremos bandeirolas e pulseiras por diversas zonas, para que a xente que as atope ou que queira recollelas o faga”. M. Outeiro