Ata cinco equipos amesáns fórmanse xa para arrasar no Club de Debate

Debate
M.M.
Xornada amesá preparatoria para o Club de Debate Foto: CA

A Maía. O Instituto do Milladoiro foi o marco elixido para pór en marcha a décima edición do Club de Debate en Ames cunha xornada de formación. Nela participaron 50 rapaces de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacharelato dos dous institutos de Bertamiráns (dous equipos) e do Milladoiro (tres). Haberá fases de clasificación o 5 e 6 de abril, e final o 6 de maio en Santiago.

O Club de Debate é un proxecto de dinamización lingüística dirixido á mocidade no que participan varios concellos galegos en colaboración cos centros de Ensino Secundario. Con esta iniciativa preténdese favorecer o uso do galego oral en contextos formais, como son os propios debates, e informais, tendo en conta a convivencia que se xera. Os contidos que se traballan principalmente teñen que ver coas habilidades comunicativas e a oratoria, mais tamén é necesario un proceso de documentación sobre os temas de debate.

Os concellos que organizan esta edición son sete: Ames, Santiago de Compostela, Teo, Negreira, Pontevedra, Dodro e Cedeira. En total, unha ducia de equipos mixtos formados por mozos de entre 3º e 4º da ESO ou 1º de Bacharelato pertencentes a dez centros de ensino. Nesta edición, o concello con maior número de equipos participantes é Ames. E se nas fases de clasificación abordarase se a liberdade individual está por riba dos intereses colectivos, na final a celebrar no CSC Santa Marta profundizarán sobre se os espazos educativos favorecen o uso da lingua. M.M.