Atención temperá comeza a contactar coas familias

Atención temperá
M.M.
Traballadores do Servizo de Atención Temperá. Foto: CDA

A Maía. O Servizo de Atención Temperá dá nestes días os seus primeiros pasos para comezar a incluír á cativada amesá, despois de que o convenio para a súa posta en marcha fora firmado de maneira conxunta polos concellos de Ames e de Teo no pasado mes de outubro.

Deste xeito, as familias que se poidan beneficiar da actividade do novo servizo están sendo xa contactadas para tratar a súa incorporación. O persoal, que traballa dende o luns 17 nas súas novas instalacións, situadas en Calo, está a concertar citas para realizar as entrevistas iniciais ás familias, coas que se concretarán as necesidades das crianzas e a compatibilidade horaria. Este martes 25, representantes dos dous concellos antes citados reuníronse para pechar os últimos detalles da prestación do servizo. Ten as súas instalacións no enderezo Travesía das Galanas, 67, 1º andar, no que ofrece servizos de psicoloxía, logopedia e terapia ocupacional. Os números de teléfono de contacto son o móbil 604 014 894 e o fixo 881 023 475.

Actualmente o equipo de profesionais xa traballa con 24 nenos de Teo, que chegan derivados de listaxes de centros de saúde e de ensino, dos propios servizos sociais municipais, ou ben da unidade de atención temperá do Clínico de Santiago. Inclúe unha sala para terapia ocupacional e tamén cadanseu despacho para a logopedia e tamén psicoloxía. M.M.