Augaconsellos para evitar os cortes durante o verán

Ciclo del agua
M. Outeiro
Inauguración da potabilizadora de auga de Lens para Ames e Brión no ano 2016. Foto: CDA

Ames. O Concello de Ames publicou unha campaña informativa na que se lle recomenda á veciñanza facer un uso responsable da auga durante os meses de verán. A través dela, achéganse varios “augaconsellos” para tratar de fomentar un consumo moderado.

Entre eses consellos destaca empregar a ducha en lugar do baño; usar a lavadora chea; limitar o enchido de piscinas; non utilizar o váter como papeleira; racionar a auga para o rego; optimizar o lavado de vehículos; revisar posibles fugas de auga; pechar a billa mentres se lavan os dentes; e limitar o baldeo e limpeza das rúas.

E, pola súa banda, o propio Concello tamén adopta unha serie de medidas para reducir o consumo de auga como son controlar e reducir o rego dos xardíns e das zonas verdes municipais públicas. Ademais, a empresa Urbaser, concesionaria da limpeza viaria, diminúe a cantidade de auga potable que gasta nos baldeos e servizos que realiza. M. Outeiro