Avances nas melloras da estrada de Santa Comba entre Paramos e Faílde

Seguridade Vial
Claudina Estévez
Proxecto AC-406, estrada Santa Comba-Portomouro. Foto: C. Santa Comba

A BAÑA. A Xunta vén de adxudicar a redacción do proxecto de mellora da AC-406, a estrada Santa Comba-Portomouro, no treito situado entre Paramos e Faílde, ao seu paso polos concellos de Val do Dubra e da Baña.

Así llo trasladou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, á alcaldesa de Santa Comba, María Josefa Pose, e aos rexedores municipais de Val do Dubra e A Baña, José Manuel Varela e Andrés García, respectivamente, nunha reunión de traballo na que tamén participou o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor. O contrato foi adxudicado á empresa Vivero de Soluciones para la Ingeniería, por un importe de máis de 18.000 euros. Co proxecto trátase de mellorar o trazado do treito de 3,7 quilómetros da AC-406, entre Paramos e Faílde para incrementar a seguridade. C.E.