Axuda no Fogar para dinamizar A Baña

Servizo de Axuda no Fogar
M. Outeiro
Un dos usuarios do programa de axuda no fogar que xestiona Atendo na Baña. Foto: CDB

A Baña. O equipo profesional que desenvolve o Servizo de Axuda no Fogar xestionado por Atendo no Concello da Baña puxo en marcha un Programa de estimulación cognitiva no domicilio que espertou moito interese entre as persoas usuarias. E coincidindo con estas datas de Nadal, nove dos seus beneficiarios animáronse a facer unha serie de traballos que lle queren amosar a toda a veciñanza a través das redes sociais municipais.

Dende postais de Nadal, ata figuras decorativas, cadros, árbores de Nadal ou velas e estrelas son algunhas das creacións destes e destas artistas que se poden ver no Facebook do Concello da Baña. Algúns dos protagonistas foron Pura Quintáns, David Sueiro, Maruja Rugido, Cándida Nieto, Lola Giraut, Ángela Trillo ou Fina. Todas elas e algunhas mais (outras prefiren manterse no anonimato) participan nesta iniciativa. Andrea Pérez, e Rocío Vázquez, de Atendo, destacan a implicación e o traballo realizado por todos os participantes. M. Outeiro