Belén do Campo presentou en Vedra o programa, que conta con dúas liñas // A responsable de Patrimonio Natural visitou os xardíns do pazo de Santa Cruz de Ribadulla, incluídos na Ruta da Camelia e con elmentos catalogados TEXTO S. E.

Axudas ós concellos para divulgar e protexer ás árbores senlleiras

Patrimonio natural
S. E.

A Xunta de Galicia ven de convocar dúas ordes de axudas por un importe total de 40.000 euros dirixidas á conservación, protección, mellora e divulgación das 182 árbores e formacións incluídas actualmente no Catálogo galego de árbores senlleiras. Así o anunciou este luns a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, no marco dunha visita ao pazo de Santa Cruz de Rivadulla, na que estivo acompañada polo alcalde de Vedra, Carlos Martínez, e o dono da propiedade, cuxos xardíns están incluídos na Ruta da Camelia e destacan por contar con varios elementos catalogados como senlleiros desde hai anos.

Ao igual que na anterior convocatoria, a Xunta de Galicia publicou unha liña reservada especificamente para concellos ou agrupacións de entidades locais, dotada cun orzamento de 15.000 euros, e outra dirixida a persoas ou entidades sen personalidade xurídica, cunha partida de 25.000 euros.

Indicar que en ambos casos, segundo recollen as ordes, os beneficiarios deben acreditar a súa condición de propietarios dalgún elemento que forme parte do catálogo.

Entre as actividades subvencionables figuran a realización de podas e actuacións de formación e control da copa; a aplicación de tratamentos fitosanitarios; as accións de conservación e mellora do entorno; iniciativas de divulgación e sinalización; e a execución de estudos. As intervencións, que en ningún caso poderán terse iniciado antes da publicación das ordes, terán como data límite de execución o 30 de setembro de 2022.

Grazas a estas liñas de incentivos, a directora xeral Do Campo explicou que os beneficiarios poderán recibir unha contía equivalente ao 100 por cento do custo da actuación a executar nestes espazos, cun límite de 4.500 euros no caso de que a axuda sexa para intervir sobre unha árbore e de 8.000 euros cando se trata dunha formación.

CATÁLOGO. Lembrar que o Catálogo galego de árbores senlleiras é un rexistro público de carácter administrativo no que se inclúen todas aquelas árbores e formacións que en atención ás súas características excepcionais, merecen unha protección especial.

Segundo explican desde a Xunta de Galicia, trátase dunha ferramenta aberta e en constante actualización, na que poden propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou as asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.

De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables. Nestes momentos, o catálogo suma xa 182 elementos —144 árbores e 38 formacións— pertencentes a 79 especies diferentes.

En canto a sua distribución por provincias, o maior número de árbores xenlleiras atópase na de Pontevedra, cun total de 62 (48 exemplares e 14 formacións), seguida de a da Coruña, con 54 (42-12); Lugo, con 39 (34-6), e Ourense con 26 das que vinte son árbores.