PESCA. As rulas do litoral da Área Metropolitana ingresaron en 2020 algo máis de 82,7 millóns de euros // Poxaron 44.000 toneladas de peixe e marisco // En Noia as capturas e as vendas víronse reducidas á metade respecto a 2019 TEXTO J.M. Ramos

Baixa un 18% a facturación das lonxas no ano da crise sanitaria

Mar
Jose Manuel Ramos
Subasta de centolas o pasado mes de novembro na lonxa do porto pesqueiro de Ribeira. Foto: Suso Souto

O 2020 tampouco foi un bo ano para o mundo da pesca e do marisqueo, a pesares de que os profesionais do mar se mantiveron activos todo o ano, xa que son sectores considerados esenciais. Nembargantes, o seu traballo e o gran esforzo realizado non se viron recompensados, xa que a facturación das lonxas do litoral da Área Metropolitana de Santiago, comprendido entre Caión e Rianxo, baixou máis dun 18 respecto ao exercicio de 2019.

Así o pasado ano ingresaron algo máis de 82,7 millóns de euros, fronte aos más de 101 millóns que xeraron no exercicio anterior, segundo datos de Pesca de Galicia. A caída foi xeralizada, e só a rula de Malpica conqueriu mellorar as súas cifras, mentres que as de Camariñas e Portosín mantivéronse en rexistros similares aos de 2019.

En canto ao volume de peixe e marisco subastado, a diferenza foi menor, xa que en 2020 poxaron más de 44,3 millóns de quilos e o ano anterior algo máis de 46,5 millóns. A lonxa de Ribeira segue sendo a que maior volume de producto mobiliza, acaparando máis do 50% do total de capturas e tamén da facturación.

Pola contra, a rula de Noia foi a que rexistrou unha maior caída, tanto de ingresos como de capturas, pasando de poxar máis 2,7 millóns de quilos de marisco (ameixas e berberecho) en 2019 a tan só 1,26 millóns o último ano. Iso supuxo tamén unha baixada da súa facturación, que pasou de máis de 20,7 millóns de euros a 9,8 millóns no exercicio que acaba de rematar.

As mariscadoras do Anllóns, en Cabana de Bergantiños e Ponteceso, tampouco tiveron un bo ano. As capturas de berberecho pasaron de máis de 146.000 quilos en 2019 a tan só 31.300 en 2020, o que supuxo unha merma importante dos seus ingresos, ao pasar de facturar 963.000 euros a tan só 254.000 €.

A lonxa de Rianxo tamén sufríu unha importante baixada na súa actividade, pasando de facturar 5,9 millóns en 2019 a só 3,7 o pasado ano.

O patrón maior da confraría de Fisterra, Manuel Martínez, asegura que son varios os factores que xustifican esta baixada. Unha das causas “foi que tivemos moito mal tempo, e iso fixo que a frota tivese que estar amarrada moitos días”, sinala. Á merma da actividade sumouse a escaseza de recursos, especialmente de especies como o polbo, que “é a que xenera a maior parte dos ingresos en lonxas como a nosa”, apunta Martínez Escarís.

Na campaña de Nadal, a situación actual derivada da crise sanitaria, os peches da hostalería e as restriccións de mobilidade fixeron tamén que as cotizacións do marisco quedasen por debaixo das rexistradas outros anos. Foi o caso da centola que, “cotizou máis ben á baixa, e ademais tampouco houbo moita cantidade”, engade o patrón maior da vila fisterrana.

A pesares diso, as confrarías e os profesionais do mar, acostumados a capear fortes temporais, queren ser optimistas e confían en que no 2021 a situación se normalice e poidan repuntar as cifras, especialmente as dos ingresos. No caso do pósito de Fisterra, Manuel Martínez, asegura que “desde que eu son patrón só tivemos perdas un ano”, pero recoñece que cada vez teñen que realizar un maior esforzo “e optimizar os recursos ao máximo”.