Boqueixón acondiciona viais a través de Agader por 50.000 €

Obras
Claudina Estévez
Imaxe da senda de Lamas, en Boqueixón. Foto: C. de Boqueixón

No marco do Programa de Desenvolvemento Rural promovido por Agader, o Concello de Boqueixón vai pór en marcha catro actuacións dirixidas a mellorar e acondicionar distintos viarios do municipio. O investimento será de case 50.000 euros.

Por unha banda, está prevista a aplicación dun tratamento asfáltico a un camiño de máis de 230 metros de lonxitude en Maravexás, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes.

Tamén se executarán 115 metros de cuneta de seguridade en formigón. Colocarase, finalmente, un sinal de stop neste viario.

E, por outro lado, acondicionaranse dous cruces: o da estrada de Vigo a Melón e o da rúa Manuel Rodeiro ao paso inferior. “No primeiro caso, procederase á mellora da capa de rodaxe, coa aplicación dun tratamento asfáltico e rego de selado a toda a plataforma, e tamén se renovará a sinalización vertical. No segundo caso, darase un tratamento asfáltico superficial e rego de selado, que se verá reforzado con pedra e unha solución asfáltica semiprofunda nos últimos metros”, explicaron fontes municipais.

Asemade, acometerase a pavimentación en formigón nos dez metros baixo o paso inferior co que conecta este cruce da rúa Manuel Rodeiro. Colocaranse un sinal de stop e 16 metros de barreira de seguridade bionda. Por último, adxudicouse o acondicionamento da pista de Lestedo ao paso superior. Ubicaranse dous sinais de stop.

Hai que lembrar que están en fase de licitación (no marco do POS+2020) a construción da senda peonil de Lamas a Rodiño e a mellora do camiño de Lamas á Igrexa.