Boqueixón aprobou o orzamento deste ano por 3,8 millóns

Máis de vinte actuacións están relacionadas con infraestruturas e o sector servizos // Hai axudas para as familias afectadas polo covid
Economía
Claudina Estévez
Parte do orzamento tivo que adaptarse á actual situación sanitaria. Foto: C. Boqueixón

Boqueixón aprobou onte en sesión plenaria os orzamentos do 2020. O voceiro do equipo de goberno, José Manuel Iglesias, encargouse de resumir os principais puntos dunhas contas que ascenden a un total de 3.818.684 €, e ás que se deu luz verde cos votos a favor do PP. “Trátase dun orzamento que está condicionado pola crise do covid-19, polo que o podemos considerar de transición, xa que agardamos aprobar o do exercicio 2021 antes de finalizar este ano”, indicou José Manuel Iglesias.

Salientou asemade que se contemplan “máis de medio millón de euros en concepto de inversións”. A maioría dos proxectos correspóndense con distintas actuacións e, máis concretamente, con 22 relacionadas con infraestruturas e servizos. Parte deste capítulo, indican dende o Concello, tivo que adaptarse dada a situación sanitaria actual: a adquisición de Epis e equipos de prevención; 4.000 máscaras para entregar á veciñanza para frear os efectos da covid-19; a solicitude ao Programa Pel- Reactiva para as axudas a Pemes e autónomos que se viron afectados pola pandemia, ou a ampliación do contrato de limpeza dos centros escolares do municipio con reforzo da desinfección dos espazos. Ademais, argumentou o voceiro do grupo de goberno, “hai unha consignación orzamentaria específica para dar resposta ás familias que se atopen en dificultades económicas” como consecuencia da situación sanitaria.

Outro dos puntos da orde do día comprendeu a aprobación definitiva da RPT (Relacións de Postos de Traballo). Dende a oposición anunciaron o voto en contra por entender que existían “incongruencias” no texto, algo que o alcalde boqueixanés, Manuel Fernández Munín, negou ao tratarse “dun documento que foi consensuado cos sindicatos nas mesas de debate da RPT”, dixo.

Tamén se deu luz verde á adhesión do Concello ao convenio de colaboración conxunto do transporte metropolitano de Galicia na área de Santiago de Compostela. .