Boqueixón distinguiu a Pedro Pérez como fillo adoptivo a título póstumo

Distinción
Claudina Estévez
Manuel Fernández (1º der.) entrega a distinción a Margarita Vizcaíno, sobriña de Pedro Pérez. Foto: C. Boqueixón

BOQUEIXÓN. O pleno do Concello de Boqueixón, reunido

onte en sesión extraordinaria no centro cultural de Ponte Ledesma, fixo entrega da distinción de Fillo Adoptivo de Boqueixón, a título póstumo, a Pedro Pérez Pérez. Un recoñecemento que recolleu Margarita Vizcaíno Pérez, sobriña do homenaxeado, de mans do alcalde da vila, Manuel Fernández Munín. O rexedor destacou que “don Pedro foi unha persoa afable e xenerosa que no seu testamento manifestou a súa vontade de constituír unha Fundación para crear unha bolsa que cada ano apoiase a dous mozos de Boqueixón que quixeran estudar as carreiras universitarias de Medicina ou Veterinaria”. Neste sentido, destacou que grazas a estas bolsas “puideron formarse dez homes e mulleres de ciencia ao servizo da sociedade”. Por iso, a corporación boqueixanesa quixo corresponder a esta xenerosidade entregándolle este título. A parte, os asistentes ao acto desprazáronse a carón do centro cultural de Ponte Ledesma para descubrir unha placa en lembranza de Pedro Pérez, ao pé dunha pequena oliveira. Unha placa que recolle: “A don Pedro Pérez Pérez, fillo adoptivo de Boqueixón a título póstumo. Ledesma, 3 de xullo de 2021”. c. eSTÉVEZ