Boqueixón mudará o alumeado en rúas e núcleos rurais

Nunha primeira fase os traballos terán lugar en O Forte, Ardesende, Camporrapado, A Ponte e Villalapaz // O prazo estimado son seis meses
Obras
Claudina Estévez
En O Forte, nos arredores do Concello, cambiaranse as luminarias. Foto: C. Boqueixón

O Concello de Boqueixón vén de adxudicar a renovación dun total de 232 luminarias do alumeado público para mellorar a súa eficiencia enerxética. “Esta será a primeira de varias actuacións que se acometerán coa fin de acadar a total renovación dos máis de 2.700 puntos de luz distribuídos por todo o municipio”, explica o alcalde boqueixonés, Manuel Fernández Munín.

Esta primeira parte dos traballos conta cun orzamento de preto de 130.000 euros e a empresa Setga SLU será a encargada de acometer os labores. Está acollida á liña de axudas a proxectos de Economía Baixa en Carbono promovidos por Entidades Locais, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e xestionada polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), co obxectivo de conseguir unha Economía máis limpa e sostible. Do montante total do orzamento, o Concello aportará un 20%, mentres que o resto será asumido polo IDAE.

En concreto as obras consistirán na renovación das instalacións de alumeado nas rúas e tamén interior de núcleos rurais. As parroquias nas que se porán en marcha os traballos son O Forte (nos arredores da casa do Concello), Ardesende, Camporrapado, Villalapaz e a Ponte, entre outros. O prazo de execución para desenvolver as obras é de seis meses.

As luminarias actuais serán substituídas por outras LED de última xeración e elevada eficiencia enerxética. O proxecto prevé asemade a reposición de seis cadros de mando dos 130 existentes para adaptalos á normativa vixente nesta materia. “Deste xeito, estímase un aforro enerxético dun 68% nas instalacións afectadas por estas obras”, sinala o rexedor boqueixanés.