O progama de conciliación ‘Tardes de lecer’ impártese de luns a venres debido a que agora as clases só ocupan a mañá // ‘Coidarnos’, que axuda ás persoas que atenden a familiares dependentes, desenvólvese unha vez ao mes TEXTO Alba Prada

Boqueixón potenciou nesta crise os seus proxectos sociais

Dependencia
Alba Prada
Unha das sesións ao aire libre do programa ‘Coidarnos’ antes da pandemia. Foto: C. Boqueixón

Hai departamentos de Servizos Sociais que non alixeiran a súa carga ante unha situación tan complicada como a actual. Todo o contrario: potencian a actividade e tratan de saír a flote a pesar das circunstancias. Isto é o que sucede no Concello de Boqueixón, onde os proxectos dirixidos a axudar á veciñanza están máis activos se cabe.

Cristina Carbajales, directora e asesora do CIM boqueixanés, coordina xunto co dinamizador social, Pascual Villaverde, o programa ‘Tardes de lecer’. Trátase dun proxecto que leva anos en marcha para favorecer a conciliación familiar. “Normalmente facíase nos períodos estivais como Nadal, Semana Santa, no verán, e tamén os venres, porque non había escola polas tardes”, explica Cristina. Non obstante, o cambio no horario lectivo motivado pola crise sanitaria fixo que decidisen incrementar a frecuencia do programa. “Agora impártese de luns a venres entre as 15.30 e as 18.00 horas, porque as clases son de mañá”, aclara a directora do CIM.

Actualmente hai anotados 24 nenos e nenas, pero por motivos de seguridade están divididos en grupos de catro máis o monitor en distintas aulas do CPI de Boqueixón. “A maioría de rapaces e rapazas só veñen algúns días e non todos e por iso se pode levar cabo”, engade Carbajales. Asemade contan con varios monitores especializados e tamén coa colaboración da psicóloga do CIM, Yolanda Neira. Con ela adoitan pór en marcha obradoiros dirixidos a sensibilizar a rapazada na igualdade de xénero. “Os venres, que están máis cansados de toda a semana, tamén facemos unha actividade temática”, conta Cristina. O resto do tempo adícano a axudar aos nenos e nenas cos deberes escolares, a resolver dúbidas e cando rematan, sempre hai un oco para os xogos e as manualidades. Segundo conta a directora do CIM o programa vai dirixido a todas aquelas familias con pais e nais que traballen (ou teletraballen) de tarde ou para os que precisen un pouco de axuda .

Simultaneamente ao proxecto ‘Tardes de lecer’, a traballadora social do Concello Ana Anta coordina outro chamado ‘Coidarnos’, unha iniciativa que leva en marcha dende o ano 2016. “Este programa está dirixido aos coidadores de persoas dependentes”, explica, “e ten lugar unha vez ao mes, ultimamente sempre é o penúltimo luns mensual, en horario de 17.00 a 19.30 horas”, sinala.

‘Coidarnos’ é unha iniciativa que busca que todas aquelas persoas que están ao coidado dun familiar poidan “expresar as súas emocións” e tamén, algo fundamental, “que tomen conciencia da necesidade de coidarse a si mesmas”. Ana explica que é fácil deixarse absorver polas necesidades da outra persoa, e por iso se enfoca moito en inculcar ao grupo que “non deben desatender a súa vida nin sentirse mal por deixar tempo para eles mesmos”, recalca Ana.

Durante algunhas sesións reciben tamén a visita de profesionais relacionados coa saúde ou co ocio. “Ás veces veñen a impartir charlas enfermeiros do centro de saúde ou monitores deportivos”, explica a traballadora social. Actualmente son nove os coidadores que participan nas propostas e estanse a desenvolver na aula central do centro sociocultural de Sergude para manter as debidas distancias. Iso si, cando o tempo o permite, non dubidan en celebrar as sesións ao aire libre.

O programa que si tivo que frearse ata novo aviso foi o de Prevención da Dependencia, ao fronte do cal está María Pereira. Con todo, seguen barallando a posibilidade de ofrecer algún servizo telemático.