Boqueixón ratificou a reelección do xuíz de paz

Pleno Concello
Claudina Estévez
Casa consistorial de Boqueixón. Foto: C. Boqueixón

BOQUEIXÓN. A última sesión plenaria de Boqueixón ratificou na sesión ordinaria a reelección do xuíz de paz do Concello. Das tres candidaturas presentadas ao proceso, considerouse que a máis axeitada, coincidindo coa proposta da alcaldía, foi a de Xulio Devesa Regueiro, que

renova o seu posto logo de catro anos desenvolvendo este labor. Por outra banda, a sesión deu luz verde á resolución dos recursos de reposición ao acordo do pleno con respecto á desafectación dun camiño en Senande-Lamas. O alcalde, Manuel Fernández Munín, tamén deixou constancia da evolución da COVID na vila. Neste senso celebrou que “nun mes pasaramos de 109 casos a 0, se ben non nos podemos confiar”. Por iso, apelou “á responsabilidade da veciñanza para poder manter esta situación”. Asemade, o rexedor boqueixanés anunciou a próxima celebración dun pleno extraordinario para debater os orzamentos 2021. A sesión está prevista para mañá. C.E.