Boqueixón reparte axudas a entidades sen ánimo de lucro

Axudas
Claudina Estévez
Casa do Concello de Boqueixón. Foto: W.

Boqueixón. O Concello de Boqueixón vén de aprobar na xunta de goberno local as bases reguladoras das axudas para entidades sen ánimo de lucro deste ano 2022. Así, destinaranse ata 16.000 euros a esta acción, sendo 1.000 euros o importe máximo que poderá percibir cada entidade. O obxectivo principal desta convocatoria consiste en outorgar subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para o financiamento de programas ou proxectos de actividades e investimentos, levados a cabo por ditas entidades dentro do Concello de Boqueixón, coa finalidade de promover e dinamizar a participación da veciñanza e do tecido asociativo a favor dos intereses do municipio.

A tramitación desta subvención será integramente telemática a través da sede electrónica do concello polo que a documentación terá que vir asinada dixitalmente estando o/a presidente/a da asociación en posesión do certificado dixital de representante da entidade.

O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais a computar dende o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOP. No caso de finalizar en día inhábil, este prazo entenderase estendido ata o inmediato día hábil posterior. C.E.