Boqueixón suma unha nova centenaria: Rosa Lareo Lareo, de Oural

Centenario
Claudina Estévez
Manuel Fernández, Marta Copóns e Rosa Lareo. Foto: C.B.

Boqueixón. O Concello de Boqueixón suma unha nova centenaria no seu censo. Veciña do lugar de Castro, na parroquia de Oural, Rosa Lareo Lareo recibiu esta semana a visita do alcalde, Manuel Fernández Munín, e da concelleira de Educación, Marta Copóns Neira, que lle entregaron un ramo de rosas e unha tarta moi especial para celebrar esta data tan sinalada.

Rosa Lareo Lareo naceu en Castro e dende hai 100 anos permanece aquí. Xunto co seu marido Ramón (que faleceu hai 12 anos) tivo 6 fillos e agora goza do agarimo de 13 netos e 9 bisnetos. Traballou toda a vida no campo, levando a cabo as tarefas diarias ata case os 80 anos, idade na que decidiu deixalo. Na actualidade, encántalle ler revistas e, sobre todo, xogar á brisca coa súa familia e amizades.

Celebrou o centenario na compaña da súa familia, que se achegou en grupos reducidos como forma preventiva. Unha das súas fillas, que se atopa fóra, felicitouna cunha videochamada. C.E.