A Asociación O Esquío no Piñeiro recolle unha selección de imaxes en case dúascentas páxinas // Os veciños recibirán un exemplar nas súas casas TEXTO M. Boo

Brión recorre a súa historia nun libro con 150 fotos

Libros
Manuel Boo
Homenaxa tributada ó próspero empresario Vicente Ramos no Tremo (Os Ánxeles) no ano 1924

O Concello de Brión e a asociación cultural, medioambiental e deportiva O Esquío no Piñeiro veñen de editar un segundo volume do libro Brión en fotos, que dá continuidade ao editado hai seis anos. Un novo libro que será entregado aos veciños e veciñas de Brión nas súas vivendas durante os próximos días.

Brión en fotos. Unha memoria visual do século XX. Volume 2 recompila máis de 150 imaxes que “son un anaco da nosa historia que nos agasallan dende O Esquío no Piñeiro”, sinala o alcalde, Pablo Lago, quen agradece tamén “a colaboración dos veciños e veciñas de Brión que tiveron a ben compartir connosco os seus máis prezados recordos”.

O novo libro, de case duascentas páxinas, recolle unha selección de máis de 150 imaxes de entre todas as recollidas, seleccionadas e tratadas pola asociación O Esquío no Piñeiro nos últimos seis anos. A publicación está deseñada e maquetada por Armando Patiño, membro da asociación, con textos de Manuel Xesús Xiráldez, profesor de Lingua e Literatura no IES de Ames, e ilustracións de Xosé Vizoso, ilustrador e deseñador da cerámica de Sargadelos. Unhas imaxes recompiladas pola asociación O Esquío no Piñeiro, a Casa da Cultura e a Biblioteca Municipal de Brión e, nominalmente, por Alberto Álvarez Escudero, Sandy Cebral, Julio Mallo Nieto, Armando Patiño, José Manuel Trigo Romero e Dora Vieiro.

Este segundo volume mantén a mesma estrutura co anterior e divide as imaxes en dez categorías: a escola, música e danza, festas e tradicións, acontecementos sociais, paisaxe e arquitectura, o traballo, o transporte, o retrato, o xogo e o deporte, e a vida cotiá. Un libro prologado polo alcalde, Pablo Lago, quen agradeceu o traballo das persoas que fixeron posible unha escolma de imaxes “que vos convido a descubrir”.