Camiñaron en Negreira contra a violencia cara a muller

Violencia machista
Claudina Estévez
A camiñada concentrou a máis de 200 persoas. Foto: C. Negreira

Negreira. Máis de duascentas persoas de todas as idades participaron este sábado na décima edición da Andaina Contra a Violencia de Xénero organizada polo Concello de Negreira dentro dos actos programados co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

A veciñanza, o alcalde Manuel Ángel Leis Míguez, a concelleira da Muller e Igualdade María del Mar García Vidal, a directora do C.I.M. Rosa Fuentes Cambeiro, e membros da corporación municipal, amosaron a súa repulsa contra esta lacra social cunha camiñada ata Covas pola beira do río e unha chocolatada no centro sociocultural. “Ogallá non houbese que facer ano tras ano este tipo de reivindicacións, pero por desgraza temos que seguir concienciando dende as distintas administracións, institucións, asociacións... inculcando no día a día eses valores que son fundamentais difundir dende pequenos para erradicar este problema do maltrato á muller”, valoraba M. Ángel Leis.

Entregaron os premios do concurso Loita contra a violencia de xénero no que resultaron gañadores Paula Pais García, Andrea Luaces e o Grupo de Madrugadores de 4.º, 5.º, 6.º de Primaria do colexio do O Coto. C.E.