Campañas de agasallos e visitas dos Reis Magos co voluntariado teense

Solidaridade
O.D.V.
Visita dos Reis á residencia Los Arcángeles de Teo. Foto: CDT

A Barcala. O departamento teense de Benestar realizou en Nadal unha campaña solidaria que permitiu que a cativada local tivera agasallos nestas datas. Dende o Concello destacan a importancia das aportacións e colaboración de empresas e particulares con esta iniciativa.

A campaña fai unha recadación mediante a venda de vales de 5 euros e tamén recibe fondos directamente de empresas. Nesta edición recadáronse 1.840 euros, dos cales algo máis do 80 % procedeu dunha doazón da empresa teense Tarlogic. Trátase dunha firma que ten amosada o seu carácter solidario ó colaborar habitualmente co Banco de alimentos municipal. Neste Nadal, cos cartos obtidos, agasallouse a un total de 71 nenos ou adolescentes. O gasto medio dos regalos foi de 25 € e fíxose no comercio local, nas firmas que tamén colaboraron co Concello coa venda dos vales solidarios: Multicentro Pernas, Vagoneta educativa e Librería d´Ana.

E por outra banda, o 5 de xaneiro tamén se volveu a celebrar a tradicional cabalgata que visita as residencias de maiores e centros de discapacidade. Esta visita das Súas Maxestades tivo que interrumpirse os últimos anos pola pandemia, e neste 2023, Melchor, Gaspar e Baltasar, volveron a visitar cinco residencias de Teo e o centro de día ocupacional de Aspamite. En total entregaron 355 pequenos obsequios nun día máxico que os usuarios recibiron con moita ilusión. Neste caso colaboraron coa iniciativa cinco voluntarios. ODV