Camporrapado acolleu onte a representación teatral “Contos do Recreo”

A comedia musical representada por Redrum Teatro trata o tema do acoso escolar
Teatro
Redacción WEB
Representación de Contos do Recreo da compañía Redrum Teatro, en Boqueixón. Foto: cedida.

Boqueixón. Máis de medio cento de persoas gozaron dunha divertida mañá onte na Casa da Cultura de Camporrapado da man de Redrum Teatro. A compañía puxo en escena a obra Contos do Recreo, unha comedia musical dirixida por Álex Sampayo.

A través dunha vistosa montaxe, amosouse a historia de Alicia, unha rapaza que fai falcatruadas ás súas compañeiras e que ve a súa percepción mudada logo de verse inmersa nunha aventura que lembra á historia de Alicia no País das Marabillas. A través das distintas historias e vivencias da protagonista, Redrum Teatro trata nesta representación a temática do acoso escolar dende unha perspectiva diferente. Ao tempo, esta comedia musical dirixida a público familiar traballa na prevención deste tipo de condutas entre a cativada a través do reforzo positivo.