Catrocentas persoas gozaron co Apalpador

Nadal
Manuel Boo
O Apalpador agasallou aos pequenos con contos, cantos e amizade. Foto: Concello de Ames

AMES. Unhas catrocentas persoas, repartidas en catro sesións dunha hora, recibiron ao Apalpador o venres pasado no patio do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. A figura tradicional do Nadal galego, interpretada por Anxo Moure, agasallou á cativada con contos, cantos e cunha amizade de por vida: as nenas e nenos que visitaron ao Apalpador levaron consigo unhas pequenas árbores traídas da Serra do Courel, que deberán coidar falándolles e plantándoas nun bo lugar, para botar raíces fortes e medrar xuntos e xuntas. Xunto a Lor, o seu burriño de madeira, o Apalpador contou a súa historia ás familias que asistiron ao encontro, onde amosou a súa preocupación pola lingua galega, por unha boa alimentación e polo coidado do medio ambiente, coas árbores como vehículo para construír a metáfora da vida e das raíces. Para reforzar este vínculo entre as crianzas, a natureza e a lingua, o Apalpador repartiu uns agasallos moi especiais. m.a.