Cinco quilómetros de andaina saudable dende os dispensarios este xoves

Andainas
M.M.
Un anterior grupo nunha das andainas amesás. Foto: CDA

A Maía. A concellaría de Benestar Social e Promoción da Saúde promove este xoves, 7 de abril, ás 17.30 horas, dúas andainas simultáneas con saída dende os centros de saúde de Bertamiráns e do Milladoiro. Organízanse con motivo do Día mundial da Saúde que se celebra ese día.

As persoas que participen nestas andainas percorrerán parte da Senda Verde, ata chegar á igrexa de Bugallido, que servirá de punto de encontro. Alí tomarán un aperitivo e volverán ao punto de inicio en bus. Estes traxectos enmárcanse dentro do programa municipal SaúdeAndo, que inclúe un total de 38 andainas ao longo de todo o ano. Esta actividade será a primeira dun amplo abano de actividades programadas co gallo do Mes da Saúde.

As persoas que partan dende o centro de saúde de Bertamiráns percorrerán uns 5 quilómetros, mentres as que saían dende o centro de saúde do Milladoiro terán que engadirlle cincocentos metros máis. Estímase que a duración das saídas será de arredor dunha hora e cuarto ou hora e media, e quen participe nesta actividade irán acompañados dun monitor de marcha nórdica, que instrúe ás persoas que desexen voluntariamente practicar esta modalidade. Estas andainas teñen unha dificultade media-baixa.

Para sumarse non é necesario inscribirse previamente, unicamente estar diante do centro de saúde de Bertamiráns ou do Milladoiro un pouco antes (ás 17.20 horas.) do inicio das andainas. M.M.