CLUN integra ó traballador con discapacidade galego

Persoas con discapacidade
M. Outeiro
Ramón Sestayo, esquerda, e Juan Gallástegui. Foto: Cogami

AMES. Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) vén de asinar un acordo de colaboración coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, Cogami, de cara a “sumar esforzos para favorecer o benestar social e a inclusión laboral das persoas con discapacidade en Galicia”, din dende as entidades.

O documento foi subscrito por Juan Gallástegui, secretario xeral de CLUN, e Ramón Sestayo Lestón, vicepresidente primeiro de Cogami. Unha alianza pola que comprométense a impulsar proxectos e accións orientadas a posibilitar a integración socio-laboral, en igualdade de condicións, de persoas con discapacidade nas empresas que forman parte da cooperativa CLUN.

“Queremos sumar ao avance do noso territorio, incorporando a diversidade nos nosos equipos de traballo. Impulsar a inclusión laboral de persoas con discapacidade en Galicia redunda en beneficio de toda a sociedade”, asegurou Juan Gallástegui. “Este acordo é unha mostra máis do compromiso de CLUN con Galicia”, concluíu. Pola súa banda, o vicepresidente de Cogami agradeceu a colaboración, aportando que “é necesario que o mundo da empresa aposte polas persoas con discapacidade, que as apoien ofrecéndolles oportunidades e poñendo en valor as capacidades das persoas”, explicando que o paro deste colectivo triplica as cifras xerais. m. outeiro