Coidados dos pés, memoria e oído de balde en Mazaricos

persoas maiores
M. Manteiga
Unidades móbiles do servizo autonómico Coidados porta a porta. Foto: CPS

Xallas. O Concello de Mazaricos lembra aos seus veciños, sobre todo aos máis veteranos, que no vindeiro mes de setembro chega o programa autonómico Coidados porta a porta ata o municipio. Trátase dun servizo de asistencia para persoas maiores no rural, e que inclúe dende coidado dos pés ata prevención da perda memoria ou de oído.

Vai dirixido á veciñanza a partir dos 55 anos, e prestarase xunto ao polideportivo os días 8 (xoves), 9 (venres), 12 (luns) e 13 (martes) do próximo mes. Os interesados en recoller máis información ou ben solicitar cita previa poden facelo chamando ao número de teléfono 622 748 283 ou ben escribindo un email (coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal).

Os servizos ofertados inclúen estimulación da memoria (cognitiva, funcional, prevención da dependencia e promoción de envellecemento activo); podoloxía (consulta básica, corte e limpeza de unllas, eliminación de durezas, calosidades e helomas e valoración do estado do pé) e audioloxía (consulta básica, exploración funcional da audición e prevención da perda auditiva). A iniciativa é da Consellería de Política Social, que trasladará ao Xallas as súas unidades móbiles nas datas xa citadas. M. Manteiga