Coidados Porta a Porta para Negreira máis fisioterapia e podoloxía na casa

Saúde
M. Manteiga
A unidade móbil da Xunta do programa Coidados Porta a Porta, que estará en Negreira. Foto: CDC

Negreira. O Concello de Negreira volve a poñer en marcha o programa de fisioterapia e podoloxía a domicilio do que foi pioneiro e que coincide con outro servizo gratuíto: o Coidados Porta a Porta da Xunta, que tamén aporta podoloxía, pero engade estimulación da memoria e audioloxía, no seu caso na vila.

No que atinxe a primeira iniciativa, está financiada pola Deputación da Coruña e mailo propio Concello, e ofrece dende hai anos estes dous servizos gratuítos na propia vivenda das persoas maiores, con discapacidade ou mobilidade reducida. Pódese solicitar no departamento municipal de Servizos sociais chamando ao teléfono 981 885 381. O prazo para anotarse rematará o 21 de febreiro.

E, ao fío, o vindeiro mes desprazarase ata o campo da feira da capital barcalesa a unidade móbil so servizo autonómico Coidados Porta a Porta, dirixido a persoas maiores de 55 anos que residan en Negreira e que ofrece servizos de estimulación da memoria, podoloxía e audioloxía. Van a ser catro xornadas nas que o tráiler do Goberno autonómico vai a estar no campo da feira os días 7, 8, 9 e 10 de febreiro.

Iso si: é necesario reservar cita previa nos números de teléfono 622 748 283 e 623 546 992. Oferta, como servizos, estimulación da memoria, con probas de valoración cognitiva, actividades de estimulación cognitiva, funcional, envellecemento activo e promoción da autonomía persoal; tamén valoración do estado dos pés, corte e limpeza de unllas ou durezas; e exploración do oído. M. Manteiga