Constatan que as empresas elixen a ubicación de eólicos como Piquiño

parques eólicos
M.M.
Unha mámoa no Monte Piquiño de Luou, Teo, onde tamén hai petróglifos. Foto: Master

Teo. O portavoz do BNG de Teo, Manuel Barreiro, vén de constatar a través dunha pregunta do deputado Néstor Rego ante o Goberno estatal que as empresas elixen con relativa liberdade onde instalar os parques eólicos como o previsto no Monte Piquiño.

Así, na resposta do Ministerio para la Transición Ecológica os técnicos citan, textualmente, que “son los promotores de los proyectos los que deciden qué ubicaciones son las idóneas para sus proyectos”, especificando tamén que “las administraciones no determinan la ubicación de los proyectos. No existe una planificación al detalle acerca de qué proyectos se llevan a cabo y dónde”, pese ós petróglifos dese entorno, cuxas parcelas mercará Compostela Rupestre por 50.000 euros.

A xuízo de Barreiro, “non pode ser que as empresas decidan e substitúan unha labor que debe ser realizada polas administracións públicas con criterios de interese público e non de beneficios mercantís; é como poñer o raposo a facer os galiñeiros”, ao tempo que insiste en que “semella que queren desfacer Teo a base de políticas depredadoras e decretos lei. Se non chegaba con que PSOE e PP autoricen un vertedoiro, agora tamén nos traen un eólico”. M. M.