Continúan as actividades de reencontro en Brión para os maiores de 60

Esta segunda xornada sacou o lado máis creativo e deseñaron cadansúa camiseta
Obradoiro
Claudina Estévez
Un momento do obradoiro de deseño de camisetas. Foto: C. Brión

Brión. Os veciños e veciñas de Brión que participan nas actividades de reencontro, organizadas polo Concello de Brión, veñen de celebrar a súa segunda xornada no centro social polivalente. Se a primeira sesión foi unha toma de contacto cos talleres de memoria, desta vez o obradoiro correu a cargo da monitora de manualidades, que lles propuxo a creación de cadansúa camiseta.

Durante as dúas horas que durou a actividade, estes veciños e veciñas, maiores todos eles de sesenta anos, deron renda solta á súa creatividade e estamparon sobre as súas camisetas unha serie de deseños elaborados previamente durante as clases. A maioría dos homes optaron por estampar a cabeza dunha vaca a través dun valado con forma de corazón; mentres que elas repartíronse entre uns deseños florais e un retrato dunha muller de costas.

Estes obradoiros de reencontro son unha iniciativa gratuíta do Concello de Brión para animar aos veciños e veciñas maiores de sesenta anos a retomar as actividades e as relacións que mantiñan antes da COVID. E é que a pandemia afectou moito ás relacións sociais e agora, pouco a pouco e con seguridade, os Concellos loitan por volver á antiga normalidade.

Teñen lugar todos os xoves, en horario de 10.00 a 12.00 horas, no centro social polivalente. As próximas sesións consistirán nun paseo guiado por Pedrouzos (xoves 15), un obradoiro de elaboración de tartas (xoves 22) e unha visita ao Pazo do Faramello (xoves 29). C.E.