Controlado o incendio de Leroño, en Rois, que arrasou vinte hectáreas

incendio forestal
C.G.
O incendio declarábase o luns ás 16.26 horas. Foto: C.G.

ROIS. A tarde do pasado luns o municipio de Rois, en concreto a parroquia de Leroño, vivía un incendio forestal que debido ao forte vento que sopraba do nordés se ía extendendeo ata acadar as vinte hectáreas. O lume quedaba finalmente controlado cara a medianoite dese mesmo día, segundo informaban este martes dende a Consellería de Medio Ambiente. Para a súa extinción mobilizáronse en total tres técnicos, oito axentes, dezasete brigadas, nove motobombas, dous pas, nove avións e sete helicópteros. Dende a Xunta lembran que está dispoñible o número de teléfono gratuíto 085, ao que se debe chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, informan de que existe un número anónimo e tamén gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. C.G.