PEREGRINAXE. Está constituída inicialmente por sete municipios e o seu obxectivo é a promoción conxunta da prolongación xacobea // O primeiro reto será acadar o recoñecemento e a delimitación oficial do trazado da ruta TEXTO José Manuel Ramos

Crean a asociación de concellos do Camiño a Fisterra e Muxía

Camiño a Fisterra e Muxía
Jose Manuel Ramos
Camiñantes peregrinando cara a fin da terra pola ruta de Santiago a Fisterra-Muxía. Foto: Camino de Santiago

Alcaldes e representantes dos municipios de Santiago de Compostela, Ames, Negreira, Dumbría, Cee, Corcubión e Fisterra constituiron o pasado mércores a Asociación de Concellos do Camiño a Fisterra e Muxía nunha xuntanza telemática promovida dende a capital dumbriesa, coa fin de realizar unha promoción conxunta da ruta.

O colectivo nace despois de que en decembro de 2019 se sentasen as bases nunha reunión celebrada tamén en Dumbría, na que se definiron os estatutos, que xa foron aprobados en sesión plenaria en cada un dos concellos sinalados, e ratificados no acto constituínte. Tamén se aprobou a que será a primeira xunta directiva da asociación, que estará presidida polo alcalde dumbriés, José Manuel Pequeño. Os rexedores (ou os representantes nos que eles deleguen) de Negreira, Cee e Fisterra asumirán a vicepresidencia, secretaría e tesourería, respectivamente, e actuarán como vogais os de Corcubión, Ames e Santiago.

Sinalar que, de momento, non seu sumaron á asociación os concellos de Santa Comba, Mazaricos e Muxía. O alcalde mazaricán, Juan José Blanco, sinalou que o motivo “é a discrepancia polas cotas”. Os estatutos aprobados contemplan que todos os membros abonen a mesma contía anual, pero dende Mazaricos propoñían que o importe se calculase en función “da poboación, o número de aloxamentos e os quilómetros de trazado para obter unha aportación máis equitativa, pois está claro que os máis beneficiados son os municipios do principio e do final da ruta, e non é o mesmo ter catro ou cinco albergues que ter máis de vinte”, sinala o rexedor.

Blanco afirma que unha fórmula semellante é a que se emprega para calcular a cota dos membros de Costa da Morte Asociación de Turismo, xestora do xeodestino. Non obstante, non descarta que o seu municipio se sume “se hai un acordo aínda que sexa só en base a un dos parámetros propostos”.

Pola súa banda, o Concello de Muxía quedou fóra porque a oposición, que é maioritaria, rexeitou os estatutos da asociación. Non obstante, o alcalde, Iago Toba, asegura que tentará buscar un “acordo para poder formar parte do colectivo, pois somos o fin do Camiño”.

Os concellos que impulsaron esta agrupación entenden que o feito de estar asociados, ofrece “múltiples vantaxes”. Así, subliñan que, a nivel económico, terán a posibilidade de obter fondos da Deputación, Xunta, Goberno Central e Unión Europea, e ademais crease unha organización propia dedicada exclusivamente ao desenvolvemento dos concellos polos que discurre esta ruta de peregrinación cara a fin da terra”.

A asociación nace tamén cun fin social e coa vontade de poder englobar, baixo a fórmula de membro amigo, a outras entidades vinculadas ao Camiño. O seu presidente, José Manuel Pequeño, asegura que “este é un colectivo aberto á participación e integración de novos membros”. Na xuntanza constituínte tamén se marcaron os primeiros obxectivos. Un deles é demandar da Xunta de Galicia “o recoñecemento e a delimitación oficial do Camiño, pois só existe un recoñecemento oficioso desta ruta e iso está a provocar problemas e limitacións urbanísticas”, afirmou Pequeño Castro.

A UNIÓN e o traballo conxunto a prol da preservación e posta en valor do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía é unha boa nova, pois ninguén dubida hoxe en día que esta prolongación xacobea é un importante recurso para os concellos polos que pasa. Non obstante, non hai que caer na tentación de ver nesta ruta de peregrinaxe un mero recurso económico, senón que os obxectivos deben ir máis aló e coidar a esencia do Camiño e, sobre todo, aos peregrinos. Sen eles nada tería sentido nin valor. Nesa labor deben involucrarse non só os concellos, senón todo o tecido social. Nos últimos anos esta ruta acolleu a milleiros de camiñantes, e cando volva a normalidade hai que abrirlle de novo as portas e recibilos como se merecen.