Cumpre medio século de vida a Casa de Rosalía

Aniversario
Claudina Estévez
Fachada da Casa-Museo Rosalía de Castro, en Padrón, que está de aniversario. Foto: C.G.

PADRÓN. Hoxe cúmprense 50 anos da apertura da Casa-Museo de Rosalía de Castro en Padrón (ademais de 136 anos do pasamento da autora), un feito histórico que a entidade rosaliana lembrará hoxe nun acto institucional no que actuará Eliseu Mera (barítono) e Cándido Cabaleiro (piano), que interpretarán pezas do seu disco Rosalía Cantada. Ademais, intervirá o comisario Pepe Barro que disertará sobre os Cincuenta anos da Casa de Rosalía e entregaraselle a Rosa de Galicia póstuma a Xosé Ramón Barreiro, cunha laudatio de Xosé Luís Méndez Ferrín. Ademais, haberá un recital multilingüe do programa Rosalía en Camiño con poetas chegados desde toda a península: Anna Gas, Antón Blanco, Alba Cid, Berta Piñán, Genaro da Silva, José Rui Teixeira, Tere Irastortza e Luz Pichel. Pola mañá tamén botará a andar o Rosalía en Camiño cun encontro en Iria entre poetas locais (María Vilas, Noelia Gómez, Paula Antía Rey) e os anteriores. C.E.