Denuncian a parálise de Dubra e dilación de obras

Obra Pública
C. G.
Estado da área deportiva de Portomeiro, en Val do Dubra. Foto: Anova

Dubra. Son de Dubra, Anova, en boca do seu líder e exalcalde, Antonio Negreira, denuncia a “situación de parálise” que ao seu xuízo vive o Concello pola inacción “do goberno tripartito” de PP, TeGa e independentes. Así, citan a percepción que lles tralada a veciñanza polo abandono de infraestruturas locais ou a dilación en executar as obras.

Deste xeito, en comisión de goberno solicitouse unha prórroga ata o 30 de xuño de 2021 para a licitación e execución de proxectos do POS+2019, como o de mellora do vial Bembibre-Rieiro polo Pazo e outros; a do vial Pedragosa-Barral por Algaria e outros; pavimento de Estebande, Novexilde ou do vial Padrón-Estrada e Bembibre-Chonia, sen esquecer varias actuacións do POS+2019 adicional, como o acondicionamento da parcela Braña dos Allos e outros; reparacións na base de Protección Civil; mellora no pavimento de Quintáns ou da DP-1914 a Arnexo.

A oposición tamén se fixo eco do abandono que detectou na área deportiva de Portomeiro, e lembra que faltan por executar actuacións do Plan de Obras de 2018. C. G.