Destacan o traballo da concellaría de Educación a prol dos novos colexios

Educación
M. Manteiga
Román Rodríguez, primeiro esquerda, con Santomil, terceiro, e traballadores. Foto: BNG

A Maía. O BNG de Ames vén de se congratular polas melloras educativas confirmadas pola Xunta, tanto coa ampliación de Agro do Muíño como pola construción dun novo colexio no Milladoiro.

Deste xeito, destacaban que o concelleiro de Educación, e candidato polos nacionalistas amesáns, David Santomil, aposta “pola mellora das infraestruturas educativas do noso Concello, traballando en colaboración coas distintas administracións, para lograr un Ames mellor” .

O tamén tenente de alcalde confirmaba na recente visita do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que “levamos anos traballando para que a ampliación de Agro do Muíño sexa unha realidade. Dende o Concello encargámonos da xestión urbanística dos terreos, tiveron que pasar á titularidade municipal para posteriormente poñelos a disposición da Xunta para que poidan acometer as obras” nunha superficie de 14.645 metros. M. Manteiga