Distribución do líquido atraínte na loita contra a vespa velutina

El Correo Gallego
Unha colmea de vespas velutinas contra as que quere loitar o Concello de Ames. Foto: CDA

A Maía. O Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, comeza en abril a facer o reparto do material para a mitigación da avespa velutina. Será o persoal do departamento de Medio Ambiente o encargado de repartir o líquido atraínte, e achegará unhas instrucións básicas sobre a colocación das trampas. Os interesados en sumarse poden mandar un email (auladanatureza@concellodeames.gal) ou chamar ao número de teléfono 660 004 665.

Dende o Concello farase un seguimento e avisarase, unha vez finalizado o período de trampeo, sobre a conveniencia de retirar as trampas para non danar outras especies. O tripartito amesán anima a todos os veciños a participar nesta iniciativa, que é a maneira máis eficaz de poder controlar a este insecto.

A campaña ten dúas fases. Unha primeira, entre abril e maio, para ubicar as trampas dirixidas á captura de raíñas, que nesta altura do ano deixan de estar enterradas para a creación de novos niños. A segunda etapa do ciclo de loita contra a avespa velutina terá lugar nos meses de setembro e outubro. Nesta, o obxectivo será apresar as novas raíñas existentes despois da primeira etapa. O edil Manuel Lens anima a sumarse á loita contra a velutina. M.M.